Thursday 02 de May de 2024

A Xunta avanza na profesionalización do persoal da infraestrutura industrial de Sogama dentro do seu plan estratéxico 2024-2030


― O programa formativo impulsado pola empresa pública xunto coa firma Prezero pretende dotar a Galicia tanto do mellor tratamento de residuos municipais como duns profesionais coa maior cualificación do sector

― Este modelo promove as Unidades de Competencia, un sistema pioneiro de formación e avaliación das habilitades dos operarios integrado na formación dual co que poden acceder a títulos profesionais con validez en toda España

― A estratexia de Sogama para os vindeiros anos pivota sobre cinco eixos nos que, ademais da mellora constante da cualificación do persoal, están a transformación dixital, a descarbonización dos procesos, a incorporación de novas fraccións de residuos e a adopción dun enfoque circular no desenvolvemento da súa actividade

A Xunta avanza na profesionalización do persoal da infraestrutura industrial da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) dentro do seu Plan Estratéxico 2024-2030. Con esta estratexia, o Executivo galego busca dotar a Galicia non só do mellor tratamento de residuos municipais senón duns profesionais coa maior cualificación do sector.

A planificación da empresa pública para os vindeiros anos pivota sobre cinco eixos que, ademais da profesionalización, inciden na transformación dixital, a descarbonización dos seus procesos, a incorporación de novas fraccións de residuos e a adopción dun enfoque circular no desenvolvemento da súa actividade.

No eido da mellora da cualificación dos operarios de Sogama, a empresa pública e a firma Prezero -xestora da planta de clasificación de envases lixeiros do Complexo Medioambiental de Cerceda- promoven a implantación de Unidades de Competencia, un sistema pioneiro de formación e avaliación de habilidades dos profesionais. Este modelo, integrado na formación dual, está a demostrar que é un interesante catalizador para o crecemento e a excelencia do sector industrial pois, a través do mesmo, os traballadores poderán obter titulacións de distintas familias profesionais.

Este sistema formativo céntrase na identificación previa de competencias específicas necesarias para cada posto, a creación de programas de formación personalizados e a avaliación continua do desempeño dos empregados.

A aposta de Sogama por avanzar na profesionalización dará aos operarios a oportunidade de acceder a certificacións profesionais que outorgan beneficios como un maior crecemento persoal, produtividade, satisfacción co seu labor, autoestima e compromiso cos obxectivos da empresa, o que contribúe a incrementar a eficiencia das instalacións.

Investimento en cualificación
A Xunta considera que os investimentos no desenvolvemento das habilidades e competencias dos traballadores das instalacións de Sogama son fundamentais para seguir á vangarda, posibilitar a mellora continua, acometer novos proxectos e prestar un mellor servizo público cun equipo humano cualificado, motivado e comprometido.

Este compromiso enmárcase no afán de ter unha industria en constante evolución apostando pola innovación nos procesos formativos e o desenvolvemento dos seus empregados para avanzar nun futuro industrial máis competitivo e sostible.

Os certificados obtidos no marco do programa formativo promovido pola Xunta, expedidos polo propio Executivo galego, teñen validez en toda España e acreditan a experiencia e o coñecemento do traballador. De feito, xa se está no proceso para que as persoas solicitantes das titulacións poidan aportar a documentación necesaria para acreditar a súa competencia profesional, información que será avaliada proximamente por unha comisión mediante distintas metodoloxías -como a observación directa no posto de traballo, simulacións, probas estandarizadas de competencia profesional ou entrevistas profesionais- para conceder o correspondente certificado profesional.